A Alternativa Vaivén do Centro Xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, celebrou a Imposición de panos.
Máis dun cento de nenas e nenos desde os 5 aos 14 anos tiveron diversos momentos de xogo e convivencia animados por preto de vinte e cinco animadoras e animadores durante toda a mañá.

Os maiores que eran máis de trinta, chamados ADS, os trinta e tres saltimbanquis e corenta andainas, encheron dun especial rebumbio colorido o patio. Trala acollida de cada un dos movementos, tiveron lugar tres grandes xogos, nos que por idades foron descubrindo a importancia dos símbolos e o compromiso que conlevan.

Unha nutrida representación das familias
Á vez que os máis pequenos gozaban dos xogos polo patio do centro salesiano, os responsables do proxecto mantiveron un encontro coas familias que se ía desenvolver nos locais de Abertal, mais que dada a grande afluencia das familias debeu de ser desenvolto na Aula Magna do Colexio. No transcurso do mesmo presentáronlles ás familias unha memoria fotográfica e as liñas mestras do desenvolvemento das actividades. Un grupo de familias comprometido que ao rematar o encontro fixo as súas propostas de actividades (intercambios, facernos ver nas rúas participando doutros grandes eventos, etc.).

Un final emocionante
A diferenza doutros anos nos que eran as animadoras e animadores os que o facían, este ano, precisamente para resaltar a importancia das familias no proceso educativo dos seus pequenos, foron elas as que lles impuxeron a cada rapaz e rapaza cadanseu pano do movemento ao que pertencían. Así os saltimbanquis levan o pano laranxa, os andainas o pano amarelo e os ADS o pano verde. O que pretendía ser un pequeno xesto de compromiso veu ser un momento particularmente emocionante e emotivo, segundo as palabras de rapaces e familias no pincho que houbo para concluír os actos.
Se pinchas aquí atoparás algunhas das magníficas fotos.