Preto dunha cincuentena de participantes entre voluntarios, traballadoras, familias e salesianos, participaron na xornada de avaliación, formación e convivencia desenvolvida polo Centro Xuvenil Abertal en Barcala (A Estrada).

O Centro Xuvenil Abertal, socio fundador da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, ven de desenvolver o pasado sábado, 10 de xuño, a súa estatutaria asemblea anual ordinaria nun contexto inmellarable: a comarca natural de Barcala, aos pes do Convento de Herbón. A asemblea comezou co traslado de todos os participantes ao lugar da mesma onde se concentraron arredor das 15,00hs para comezar cun xeneroso xantar compartido. Cadaquén, coa súa habilidade achegou as viandas que preparou.

Aproveitando o tempo, xa que logo o plan da xornada era intenso, o traballo comezou no tempo da sobremesa e o café, que foi o tempo reservado para a presentación da marcha xeral do centro, a información sobre os proxectos, a situación económica, novas da federación e as novidades dos proxectos.
Sería tras ese intenso postre que tivo lugar a formación sobre a ‘educación na natureza e para ao asombro’ impartida polo presidente de Wikipedia España, Jorge Sierra, que é irmán de La Salle. A intensa cápsula formativa que durou preto das dúas horas foi moi ben valorada polos participantes e traducirase en melloras na acción educativa nos distintos proxectos.
Á formación seguiu un tempo de avaliación do presente curso e propostas de mellora de cara ao vindeiro. Agrupados polos proxectos máis grandes (Vaivén, Catecumenado e Xestión) a avaliación resultou moi positiva aínda que o tempo ao final quedou escaso.

Río abaixo
Ao tempo de traballo seguiu unha actividade lúdico-convivencial descendendo o Río Ulla: tres horas de intensa actividade deportiva, adquisición de habilidades náutico-mariñeiras e risas foron o contrapunto da xornada. A actividade que se iniciara sendo de día rematouse totalmente de noite, á luz da lúa. O romanticismo do marco, non puido nin co cansancio nin coa fame.
Tralo traslado de regreso, a cea tranquila e a proxección da memoria gráfica do curso, que suliñaba as actividades máis importantes do mesmo, puxeron o punto e final á mesma.

Para mirar as fotos pincha aquí