Eran as 11,00 h. da mañá do sábado 29 de abril de 2017 e os animadores e animadoras xa tiveran a súa reunión habitual para poñerse ao día e compartir o que se ía facer ao longo da mañá. A festividade do 1 de maio facía que moitos non fóramos optimistas co número de asistentes, pero unha vez remata a acollida os números ascendían a máis de 50 rapaces e rapazas, en total.

Andaina recibiu a encomenda de preparar un vídeo para a vindeira Xuntanza dos grupos do Itinerario de Educación na Fe de Galicia, en Ourense. Sen poder desvelar moito para manter a sorpresa, so podemos dicir que empregaron toda a mañá para facer a choiva de ideas e modelar o guión. O vindeiro sábado, continuará... non o perdas!!!
Saltimbanquis e ADS saíron á rúa. Os maiores decantáronse pola zona do Progreso como escenario para a súa aventura VitrADS. Probas de tódalas cores e atrevementos tales como xuntar ás peixeiras do mercado para cantar o “Ave María” de Bisbal, fixeron as delicias dos viandantes que viraban a cabeza para esculcar. Entre actividade e actividade, houbo tempo para participar nunha degustación. Deste xeito pechouse a actividade con menos fame que de costume.
Por outra banda o grupiño de Saltimbanquis aproveitou para facer un rastrexo fotográfico polo centro. Os selfies co “dinoseto” ou o paseo a carón da oliveira emblemática de Vigo coas fermosas vistas da ría foron as zonas que máis gustaron. Tamén houbo tempo para xogos, carreiras e risas, entre foto e foto; que podedes ver aquí xunto coas do resto dos movementos.