A mañá en Alternativa Vaivén comezaba con nervios para todos e todas xa que eramos sabedores que algo especial íamos facer por Don Bosco. Logo do tempo de acollida e xogos no patio, desvelábase que iamos sumarnos á celebración que ía ter lugar en todos os centros xuvenís de Galicia, os que formamos a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Logo de repartir unha morea de globos de cores, cousa que non pode faltar nunha boa festa, achegámonos á Ronda Don Bosco e diante da estatua que alí se atopa do noso patrón, entoamos o “Parabéns para ti”. Este xesto conxunto deu paso ás actividades especias en Saltimbanquis, Andaina e ADS.

Os Saltimbanquis achegáronse á Libraría Don Bosco para participar do Contapintacontos. Andaina viaxou coa súa máquina do tempo á Revolución Industrial, época na que Don Bosco comezou a súa tarefa, axudando aos rapaces que andaban sos pola rúa sen oficio nin beneficio. Construír unha máquina que completase a máquina do tempo foi a principal tarefa dos equipos de traballo que se formaron esa mañá en Andaina. Cando se rematou o tempo, unha presentación ao estilo “tele-tienda” do seu artiluxio, deu paso ao tempo de amigos no que se nos motivou a aprender dos nosos erros. A xente de ADS non podía ser menos e unha xincana de Don Bosco ocupou toda a mañá.

Preme aquí para ver a escolma de fotos.