Que hai máis fermoso que querer axudar? “Voluntario” ou “voluntaria” son palabras que proceden de vontade, do desexo de facer, de querer colaborar; e “querer” é sinónimo de amar. Na bonita cadea de palabras nas que cada elo conduce ao voluntariado, vanse entrelazando cousas boas que dan conta do bo uso do tempo e da liberdade, do sentido da axuda con maiúsculas e, sobre todo, a satisfacción de sentir que a nosa utilidade no mundo necesariamente vai alén de nós.
Hai moitas persoas que teñen unha vida máis valiosa, rica e sinxela grazas ao voluntariado. As nenas e nenos con algún tipo de discapacidade que, simplemente, poden acceder a un mundo de actividades e necesidades grazas a esoutras persoas que decidiron axudar a que xoguen, a que aprendan, a que se movan, a que vivan. Aqueles que pasan pola enfermidade ou simplemente pola vellez e ven a luz ante alguén que lles le, lles fala, lles conta contos ou pasea lembrando que a vida, ás veces, é só esas cousas simples e marabillosas que só requiren dun contacto amigo. Esoutras persoas que só naceron no lugar trabucado no momento trabucado, esas ás que simplemente a vida se lles torceu e que precisan coma ninguén axuda para endereitala, en centros de recuperación, en cárceres, en centros de acollida. Velaí os voluntarios, cuxas vidas son mellores, sen dúbida, porque, neste mundo rápido e mentirán, superficial e distante, deron coa clave dun sentido da vida no que é importante tocar e sentir a quen te precisa, estar preto e esquecer o valor económico do tempo. Ser voluntaria é querer encher a vida dunha maneira plena, case artística, dando sen agardar a cambio nada máis ca deitarse todas as noites coa sensación marabillosa do deber cumprido. Unha sensación que arrecende, que colma, que ateiga os poros da pel e os sentidos do corpo. Unha modalidade de amor, por suposto, que prolonga a vida porque converte en eternos aos que dan e salva a quen recibe. Todo cuestión de vontade, porque non hai voluntarios nin voluntarias que agarden bens materiais a cambio, nin sequera agradecemento. É só cuestión de querer. De deber. De amor.

Inma López Silva (escritora)