Dada a complexidade dun proxecto de acollida a refuxiados e que hai entidades mellor preparadas que nós para esas tarefas, preguntámonos por que non axudamos e colaboramos con nenos e novos, nos seus propios países con aquilo que mellor sabemos facer e que máis nos identifica: un labor cos nenos e mozos de España, que reverta en sensibilización dos nosos propios centros xuvenís e da propia sociedade e en axuda material sobre o terreo en conflito. Chegou o momento de presentarvos o Proxecto Solidario: SURIYA (transcrición fonética de Siria en Árabe).

O proxecto xorde como compromiso a curto, medio e longo prazo, desde a irmandade dos centros xuvenís salesianos de España e Siria e pretende realizar diversas accións de sensibilización, apoio e captación de fondos para axudar a cubrir as necesidades dos centros xuvenís salesianos de Siria, que se poderían englobar en tres grandes bloques: material de primeira necesidade (como alimentos, medicamentos e roupa), materiais para o estudo (papelería, etc.) e para a formación psicolóxica dos equipos de animación, e por último, material diverso para as actividades lúdicas do centro xuvenil (balóns, globos, etc.).

 

Entre outras actividades de sensibilización prevese a preparación de unidades didácticas de traballo para grupos de diferentes idades, que presenten a realidade siria e os obxectivos do proxecto, a realización dunha exposición fotográfica itinerante para sensibilizar sobre a realidade dos refuxiados, a visita aos centros xuvenís de Siria por parte dunha delegación dos centros xuvenís de España así como a acollida de animadores e animadoras salesianos de Siria en actividades estivais ou outras posibles dentro das posibilidades legais en diversas partes do noso territorio nacional. Tamén se ten prevista unha celebración dunha vixilia xuvenil simultánea nos nosos centros xuvenís de España e nos de Siria, durante o próximo curso, apoiados polo Movemento Xuvenil Salesiano de España.

Entre as iniciativas para a obtención de fondos, destinouse unha conta bancaria que se auditará anualmente por principios de transparencia da entidade e do propio proxecto. Lanzouse unha campaña de “chuches solidarias” que poden ser encargadas para diversas festas e actividades, dos propios centros xuvenís e outros colectivos. Preparamos caixas de gominolas e chucherías infantís para diversas actividades dos centros xuvenís, ou ben para aniversarios, festas infantís, comuñóns, etc. Realízanse baixo pedido no siguiente correo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 Ao mesmo tempo, os centros xuvenís xa están a dinamizar diversas actividades para apoiar e difundir o proxecto no seu ámbito local.

O proxecto Suriya realízase en estreita colaboración entre a Comisión Nacional de Centros Xuvenís de España e os delegados de pastoral de Salesianos e Fillas de María Auxiliadora en Siria.

 

Presenza Salesiana en Siria

Os salesianos están presentes desde 1948 en Siria e actualmente contan con tres presencias.

 -En Alepo, o centro xuvenil é frecuentado por preto de 600 mozos cristiáns de distintos ritos, sobre todo durante o fin de semana. A estas actividades engádese a pastoral universitaria, propostas de carácter formativo, recreativo e litúrxico para mozos e asistencia social e espiritual aos encarcerados. O centro xuvenil chámase George e Mathild Salem

 -En Damasco, o centro Xuvenil ten preto de 900 mozos (300 deles universitarios). Están comprometidos co traballo cos prófugos de Iraq e teñen un centro educativo para un centenar de nenos que deixaron a escola e aos que se lles proporciona formación escolar, educativa e relixiosa. Atenden tamén un hospital próximo. O centro xuvenil chámase Don Bosco Damasco.

 -En Kafroun, a casa está aberta durante o verán para os campamentos dos grupos de mozos noutra contorna. Nesta casa acolléronse a máis de 60 familias desprazadas durante dous anos.

 

Desde que comezou a guerra, todas as actividades paralizáronse para atender as necesidades da poboación civil, sobre todo ás familias desprazadas e dos menores e novos para ofrecerlles espazos de lecer que lles permitisen esquecer a guerra e sentirse seguros nun ambiente educativo no que se fomentan os valores da convivencia e a paz.

 As Fillas de María Auxiliadora, chegaron o 4 de novembro de 1913 a Damasco para encargarse das escolas e dun ambulatorio e hospital xunto cun xardín de infancia. As salesianas colaboran no centro Xuvenil Don Bosco de Damasco.

 

Acerca da Confederación de Centros Xuvenís Don Bosco de España

A Confederación de Centros Xuvenís Don Bosco de España aglutina a 9 federacións autonómicas que actúan en 14 Comunidades Autónomas, sendo un referente en España de traballo na prevención, tempo libre educativo de menores e mozos en situación de risco ou de exclusión social.

Na Confederación están integrados 127 centros Xuvenís, contan co traballo de preto de 5.800 voluntarios e voluntarias, 180 profesionais en todo o territorio estatal, así como atenden a uns 57.000 beneficiarios dos seus programas.

A Confederación Don Bosco é unha asociación creada en 1991 para traballar xunto coas federacións e os centros xuvenís na defensa e promoción da infancia e a mocidade, especialmente a que está en risco de exclusión, a través do protagonismo xuvenil e o estilo educativo de Don Bosco.

 Somos un referente cualificado no ámbito da mocidade e o tempo libre educativo, que xestiona os seus proxectos con criterios de mellora continua e innovación xunto ás Federacións e centros xuvenís.